Autoestima e corpo

A ANPA organizou o pasado venres 24 de outubro un faladoiro de gran interese e actualidade dirixido ás familias, ao profesorado e a toda persoa con interese na materia. A actividade foi impartida por Lucía Pereda, educadora social e Axente de Igualdade de Talentea, e centrouse en como a autoestima se constrúe en relación co corpo e o xénero na infancia e a adolescencia.

A sesión de dúas horas contou coa asistencia de 32 persoas e abordou os seguintes eixos principais:

  • Xénero e autoestima: púxose o foco en como as expectativas de xénero impostas pola sociedade inflúen profundamente na percepción que nenos e nenas teñen de si mesmos.
  • A presión estética e as redes: Lucía Pereda presentou a forte influencia dos modelos estéticos nos medios e, especialmente, nas redes sociais, sinalando a relación co desenvolvemento de trastornos da conduta alimentaria (TCA). Tamén destacou o preocupante dato de que a media de idade no acceso á pornografía está nos 8 anos.
  • Exemplos preocupantes: a relatora amosou algúns casos concretos que son exemplos do consumo predominante de nenos, nenas e adolescentes en redes, e que reflicten un retroceso nos avances cara á igualdade: desde as letras dos cantantes de moda e o fenómeno de tiktokers coma Karina Bombón, ata a presión estética infantil visible no skincare en nenas de 5 ou 6 anos e o falso empoderamento que se vende ás adolescentes a través de plataformas como OnlyFans.
  • Violencias sometidas: a sesión invitou a reflexionar sobre o conxunto de violencias e presións ás que están sometidos nenos e nenas por estas influencias externas.

A parte central da charla incidiu na importancia crítica de protexer e acompañar aos nosos fillos e fillas ante esta realidade. Lucía Pereda fixo fincapé en que a base para unha autoestima sólida aséntase na infancia, e que na adolescencia “xa chegamos tarde”.

Os asistentes tomaron conciencia da necesidade de controlar o acceso dos menores ás redes e contidos dixitais, de restrinxir ao máximo o acceso ao móbil e de retrasar a súa idade, de manter un diálogo constante cos nenos e nenas, e, sobre todo, de ser modelos e referentes positivos para eles, reflexionando de xeito crítico sobre o exemplo que estamos a dar como homes e como mulleres.

Para facilitar a asistencia ás familias, a ANPA dispuxo dun servizo de conciliación con dúas monitoras de Diviértete. Este servizo foi utilizado por 18 nenas e nenos.

Desde a ANPA agradecemos a Lucía Pereda a súa claridade e, especialmente, a todas as familias e profesorado a súa asistencia e interese neste tema esencial para a nosa comunidade educativa.

Esta actividade puido levarse a cabo grazas á financiación íntegra por parte da Consellería de Política Social e Igualdade, mediante as axudas económicas ás ANPA destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara as mulleres (ORDE do 20 de decembro de 2024).