Co fin de fomentar a educación en igualdade desde o fogar e a escola, a ANPA Atalaia ofrece este ciclo de charlas nas que reflexionaremos sobre o xénero e os estereotipos na infancia, as novas masculinidades, a dimensión afectivo-sexual, a obxectivización sexual da muller e a violencia de xénero.
Desde a ANPA decidimos dirixir este proxecto exclusivamente a nais, pais e profesorado porque entendemos que nestas idades das que estamos a tratar (dos 3 aos 12 anos), a maior parte da responsabilidade na transmisión de valores, modelos ou estereotipos recae nas familias e no profesorado. Somos as persoas que educamos, e somos os referentes do pequeno mundo dun neno ou dunha nena. Se queremos educar en igualdade e rachar con estereotipos que discriminan, limitan, vetan, debemos empezar por nós mesmas.
A escola e a familia xogan un papel moi importante no proceso de socialización e a adquisición de identidades das nosas fillas e fillos. Por este motivo, temos que conseguir que sexan o menos sexistas posible e que rachen cos estereotipos de xénero e con calquera discriminación. Para os nosos nenos e nenas queremos unha sociedade máis xusta.
PROGRAMA
Martes 20 de outubro
17:30 – 19:30 h.
Proceso formativo en Igualdade para nais, pais e profesorado.
Ramón Torrente García
Faladoiro de carácter introdutorio que servirá para achegármonos a todos os contidos nos que profundizarán as seguintes charlas. O relator achegaranos un enfoque coeducativo á orientación que no fogar e na escola lle damos a fillas e fillos. Unha orientación que debe ir en consonancia co que se está a facer na escola, e viceversa. A escola, ao igual que a familia, xoga un papel moi importante no proceso de socialización e a adquisición de identidades das nosas fillas e fillos. Por esta razón, temos que conseguir que sexa o menos sexista posible e que rache con calquera violencia ou discriminación.
Martes 27 de outubro
17:30 – 20:30 h.
As caixas do xénero, as persoas como produtos de consumo, a violencia de xénero e as novas masculinidades.
Ada Otero
O xénero inflúe en absolutamente toda a nosa vida e, na maioría dos casos, de xeito inconsciente. Observaremos como este construto acaba dando vida aos roles e estereotipos de xénero, pero en especial a un ámbito do que se fala moi pouco que é a interiorización do xénero.
Falaremos do xénero masculino e as súas esixencias sociais, a falta total de promoción das emocións nos homes, incluso penalización de utilizar ferramentas de desafogo sentimental, a preferencia por solucionar os problemas coa violencia ou a visión social das mulleres coma obxecto. O máis importante será entrelazar ambos temas para darnos conta de que é unha problemática de todos.
Martes 3 de novembro
17:30 – 19:00 h.
Falando en familia da diversidade afectiva e de xénero.
Asociación Nós Mesmas
Nesta charla faremos un achegamento a que é a diversidade afectiva-sexual e de xénero e como a podemos abordar na familia desde cativos e de diferentes formas. Reflexionaremos sobre a importancia da visibilidade e de crear referentes sen estereotipos, aclarando conceptos como sexo e identidade de xénero, roles e estereotipos, orientación sexual ou expresión de xénero.
Martes 10 de novembro (1ª parte) e
martes 17 de novembro (2ª parte)
17:30 – 20:00 h.
Como lle falo diso?
Martina González Veiga
Da sexualidade aínda nos custa falar, e as canles de información e aprendizaxe seguen sendo a televisión, internet e os modelos que vemos ao redor ou o que nos contan as nosas amizades. Isto contribúe a xerar e manter concepcións equivocadas, desinformación, estereotipos de xénero e mitos. Esta formación pretende facilitar a toma de conciencia das familias, e das persoas que traballan no eido educativo, de que é imposible non educar e que o silencio tamén educa. A educación sexual comeza desde a infancia e ten que ver con aspectos tan importantes como a autoestima, os afectos, o autocoñecemento, a comunicación, as relacións e os vínculos que establecemos cos demais, os roles, o xénero, a diversidade sexual, o pracer ou o consentimento. Polo que non so ten en conta a dimensión biolóxica, senón tamén a psicolóxica, a social e cultural.
Datos de interese
- Lugar: salón de actos do centro cultural da Guarda.
- Destinado a nais, pais e profesorado do CEIP A Sangriña, e, ata completar aforo, a toda persoa interesada.
- Charlas gratuitas subvencionadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
- Inscricións por wasap ao móbil da ANPA Atalaia: 604 084 923.