Como lle falo diso? Remover e sementar

O día 15 de outubro tivemos unha charla sobre sexualidade impartida por Noelia Moreau.

Da sexualidade aínda nos custa falar en familia, e as canles de información e aprendizaxe para as crianzas seguen a ser as redes sociais, especialmente TikTok, as buscas en google, a pornografía ou o que lles contan as amizades. Isto contribúe a xerar e manter concepcións equivocadas, desinformación, estereotipos de xénero, mitos ou medos.


Esta charla de Noelia Moreau conseguiu a toma de conciencia das familias e profesorado asistente de que é imposible non educar en sexualidade e de que o silencio tamén educa, educa no tabú e no medo: “se os meus pais/nais non me falan diso, por algo será…”


A educación sexual comeza desde a infancia e ten que ver con aspectos tan importantes como a autoestima, os afectos, o autocoñecemento, a comunicación, as relacións e os vínculos que establecemos cos demais, os roles, o xénero, a diversidade sexual, o pracer ou o consentimento. Polo que non só ten en conta a dimensión biolóxica, senón tamén a psicolóxica, a social e cultural.


Nesta charla entramos con moitas preguntas e saímos con moitas respostas, xa que a relatora nos facilitou explicacións adaptadas a diversas idades para as preguntas máis frecuentes que a ela mesma a rapazada lle foi transmitido nas aulas. Manifestamos o noso medo a estar transmitindo demasiada información aos nosos fillos e fillas e saímos co convencemento de que en absoluto, ou incluso todo o contrario: ata é posible que esteamos chegando tarde. Tomamos conciencia do preto que está a pornografía dos nenos e nenas, e de que, se na casa non creamos o ambiente de confianza para que se atrevan a preguntar, a información van buscala fóra, sen excepción.