A ANPA Atalaia acaba de conseguir unha subvención para o colexio.
A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia convoca anualmente unha subvención para a promoción da igualdade desde as ANPAS, como sabedes, xa que participamos varios cursos recentemente. Desta volta, presentamos un proxecto en coordinación co colexio no que o groso o conforma un programa de charlas do para o alumnado. A contía máxima que se concede por ANPA é de 3.000€, a ANPA Atalaia solicitou un orzamento de 2.996€ e fóronlle concedidos integramente.
Ademais destas charlas para a rapazada, que se levarán a cabo en horario lectivo baixo a coordinación do centro escolar, tamén temos programados dous faladoiros para nais, pais e profesorado, que se celebrarán na biblioteca Bibliopepiño, e para os que contaremos con servizo de conciliación ou “canguro”, para aquelas familias que acodan cos nenos ou nenas. Convidámosvos a asistir, asegurámosvos que serán moi interesantes e inspiradores!!
Formación para familias:
- Proceso formativo en Igualdade para nais, pais e profesorado. (Ramón Torrente García). Biblioteca do CEIP A Sangriña, martes 24 de outubro de 2023, de 16:30 a 18:30 h.
- Como lle falo “diso”? Aprendendo a educar ás crianzas en sexualidade. (Martina González Veiga). Biblioteca do CEIP Sangriña, martes 7 de novembro de 2023, de 16:30 a 18:30 h.
Formación para o alumnado:
- 4º, 5º e 6º de Educación Infantil: Contacontos Elas contan moito. (Bea Campos, Migallas). 20 novembro, en horario escolar.
- 1º e 2º Primaria: Contacontos Elas contan moito. (Bea Campos, Migallas). 21 de novembro, en horario escolar.
- 3º Primaria: Diversidade familiar, orientacións e identidades sexuais, convivencia, corresponsabilidade e separacións. (Gabinete Con mucho gusto). Do 2 ao 4 de outubro, en horario escolar.
- 4º Primaria: Como se fai unha criatura? (Gabinete Con mucho gusto). Do 2 ao 4 de outubro, en horario escolar.
- 5º Primaria: O meu corpo. (Gabinete Con mucho gusto). Do 2 ao 4 de outubro, en horario escolar.
- 6º Primaria: O corpo e os cambios na adolescencia.(Gabinete Con mucho gusto). Do 2 ao 4 de outubro, en horario escolar.
Enfocamos o proxecto como transversal, pretendemos chegar a todos os membros da comunidade educativa: a totalidade das nenas e nenos da escola, profesorado e familias.
Desta volta, facemos unha forte aposta pola educación sexual. Que relación garda a isto coa Igualdade e a erradicación da violencia machista? A educación sexual busca que todas as persoas poidan coñecerse, aceptarse e expresarse de xeito satisfactorio e libre. Procura as vivencias felices das sexualidades e dos vínculos. Entende a diversidade como un valor, entendendo que hai moitos xeitos de ser e vivirse; por iso, promove unha visión ampla, igualitaria e diversa de todas as realidades. Todo o alumnado ten dereito a unha educación sexual integral, dun xeito progresivo, transversal e adaptado as súas idades e desenvolvemento, que lles permita entender que a palabra sexualidade é plural e ten moitas posibilidades.
Todos os axentes educativos temos a responsabilidade de conseguir que o alumnado reciba unha educación sexual integral e de calidade, o noso proxecto pretende facer un achegamento a este propósito. Somos conscientes de que, a educación sexual, comeza desde o nacemento e que require de constancia e implicación de alumnado e familias. A nosa aportación é unha pequena semente, que esperamos xermine e permita tomar consciencia da importancia deste labor para o desenvolvemento e as vidas de criaturas e preadolescentes.
O noso programa de educación sexual, ten como eixes transversais o autocoñecemento do corpo, a xestión das emocións, o bo trato, a ética relacional, a responsabilidade afectiva e a autoestima. Traballa a comunicación asertiva, a posta de límites e a negociación, para garantir as relación desexadas, libres de coacción e violencias.
O programa comprende un abano de actividades adaptadas a cada curso e ás características evolutivas xerais do alumnado, coordinándonos na execución co persoal docente, para adaptarnos e garantir a participación das persoas que precisen apoios. Adapta os contidos ás súas necesidades e da sempre espazo ás súas inquedanzas. Está formulado de tal xeito que podería ter continuidade no centro ao longo dos anos.E para as crianzas de menor idade preferimos achegar estes valores como mellor saben eles e elas entender o mundo: a través dos contos. Cun enfoque lúdico, da man de Bea Campos de Migallas teatro, reflexionarán sobre todos estes temas que nos ocupan, como estereotipos, diversidade ou empoderamento.