Espazos coeducativos para unha aprendizaxe igualitaria

Comentámosvos na Asemblea de comezo de curso que solicitaramos a subvención da Secretaría Xeral de Igualdade para ANPAS, e que nos fora concedida unha axuda de 2900€ para desenvolver o proxecto, que contemplaba charlas e diversas intervencións no patio do colexio. Non queremos pechar o ano sen reseñarvos as principais accións levadas a cabo ao abeiro desta subvención.

A primeira charla, celebrada o xoves 28 de outubro, correu a cargo de Ramón Torrente, por segundo ano consecutivo, xa que a súa mensaxe parecenos moi alentadora e estimulante.
Para educar en igualdade, hai que vivir en igualdade, dar exemplo. Se non, non hai educación senón imposición. A igualdade, ademais, non é “cousa de mulleres”: é cuestión de xustiza social. Este foi o punto de partida da charla de Ramón Torrente.
Coeducar consiste en ensinar que todo o mundo ten dereito a ser diferente, e para coeducar hai que querer, ter vontade, formarse e sobre todo levalo á práctica co exemplo. Moitas veces non importa canto estudemos sobre igualdade e coeducación, porque o que máis peso ten é a nosa socialización, as nosas ideas preconcibidas, como nos educaron a nós a familia, a escola e a sociedade. Levamos o machismo dentro, todas e todos, e cómpre estar permanentemente a reflexionar e racionalizar cada conduta, cada xesto… a clave reside na autoavaliación para non seguir transmitindo eses valores machistas aos nosos fillos e fillas. Cómpre revisar cada xesto do noso día a día, inzado de micromachismos.
Presentou Ramón Torrente tamén algúns experimentos en colexios sobre estereotipos e profesións, buscando darnos ideas para as nosas casa e para o colexio (https://youtu.be/FtGcYjr0gPc); achegounos á figura de Marina Subirats.
Para lograr esta educación en igualdade, é fundamental a implicación dos tres vértices do triángulo: fogar, escola e comunidade. Que pode facer cada un deles?
Para coeducar desde o fogar, Ramón Torrente propón o seguinte decálogo:

  1. Pais e nais, dar exemplo.
  2. Fomentar a expresión da diversidade, educar no respecto.
  3. Dar responsabilidades aos nenos e nenas.
  4. Elaborar conxuntamente as normas do fogar.
  5. Ter tarefas e responsabilidades no fogar para sentirse partícipes.
  6. Corresponsabilizar dos coidados xa desde pequenos e pequenas.
  7. Valorizar o fogar, os coidados e a mulleres antepasadas.
  8. Fomentar a actitude crítica, falar con eles e elas de calquera caso de desigualdade.
  9. Procurar que os xoguetes e os debuxos que lles facilitemos non sexan sexistas.
  10. Darlles explicacións das decisión que adoptemos na súa educación, nas normas etc.

Que pode facer a escola para coeducar? Urxe a visibilización do chamado currículum oculto, o emprego da linguaxe non sexista, revisar os contidos curriculares e os libros de texto, traballar na prevención da violencia de xénero, revisar o patio como espazo e tamén as actividades que se levan a cabo no patio.

E o concello? Correspóndelle a prevención e a sensibilización contra a violencia de xénero, filtrar as propostas culturais e esixir que teñan perspectiva de xénero, facilitar propostas de ocio alternativo, tamén con perspectiva de xénero, promocionar deportes rachando con estereotipos de xénero e actuar a prol da conciliación.

Ramón Torrente