A semana pasada levouse a cabo a formación do proxecto de Educación sexual e bo trato “De bo rollo!”, nas aulas de 3.º a 6.º de Educación Primaria do noso centro. A actividade foi impartida por Noelia Moreau Castro, educadora social e máster oficial en sexoloxía, quen forma parte do equipo do gabinete Martina Veiga, Con Mucho Gusto, e quen leva impartindo esta formación no colexio varios anos. A súa formación e experiencia permitiron tratar os contidos de forma profesional e adaptada ás idades do alumnado.
A educación sexual comeza na infancia e aborda aspectos fundamentais para o desenvolvemento dos nenos e nenas, máis alá da bioloxía. O obxectivo deste proxecto foi ofrecer canles de información rigorosas e adecuadas sobre autocoñecemento, autoestima, afectos e comunicación; relacións, vínculos, roles e xénero; diversidade sexual e consentimento. Esta formación axuda a combater a desinformación e os estereotipos que a miúdo se xeran a través das redes sociais ou o contorno. O enfoque da actividade tivo en conta as dimensións psicolóxica, social e cultural da sexualidade.
A formación, cun total de 21 horas, adaptou os seus contidos a cada curso, garantindo que a temática fose relevante para a etapa evolutiva do alumnado:
| Curso | Temas tratados |
| 3º Primaria | Diversidade familiar: orientacións e identidades sexuais. Xestión da convivencia e relacións familiares. |
| 4º Primaria | Proceso de creación dunha criatura. |
| 5º Primaria | O meu corpo: sistema xenito-urinario. Diversidade xenital. Menstruación e espermaquía. |
| 6º Primaria | O corpo e os cambios na adolescencia. Implicacións sociais, familiares e emocionais dos cambios corporais. Vergoña corporal e cambios hormonais. |
Esta actividade puido levarse a cabo grazas á financiación íntegra por parte da Consellería de Política Social e Igualdade, mediante as axudas económicas ás ANPA destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara as mulleres (ORDE do 20 de decembro de 2024).
