As mulleres que abriron camiño son numerosísimas, pero esta ANPA, dadas as súas posibilidades económicas, e ao abeiro da presente subvención, tivo que centrarse nun espazo no que colaborar, dentro do Proxecto de Centro deste curso titulado “Mulleres Pioneiras”, e buscando o xeito de colaborar no proxecto de remodelación do patio, e ese foi o espazo Edurne Pasaban.
O mural obra orixinal da artista Tamara Baz, representa os oitomiles da alpinista, e nel instalaremos un rocódromo, de xeito que represente o dito mural o esforzo das mulleres por conquistar as cimas, o valor do esforzo, a fortaleza física como un valor tamén das mulleres e das nenas. Cada peza dese rocódromo simboliza un chanzo e un obstáculo superado polas mulleres ao longo de toda a loita feminista. Por suposto, tamén é un referente para todos os varóns, xa que representa o valor do esforzo e a superación.
Asemade, Edurne axúdanos a rachar cos estereotipos dentro do mundo do deporte, amosando que non hai deportes “de nenos” ou “de nenas”.
O alumnado tivo asemade a oportunidade de coñecer á artista guardesa Tamara Baz.