Charla de Ramón Torrente García, “Proceso formativo en Igualdade para nais, pais e profesorado”.
O pasado martes 20 de outubro deu comezo o noso ciclo de charlas de Igualdade, subvencionadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
Contamos coa presenza de Ramón Torrente, quen, desde a absoluta humildade, nos falou da igualdade como unha cuestión de xustiza social.
Achegounos a conceptos básicos como igualdade, xénero, sexo, orientación sexual ou expresión de xénero.
Tratamos a Coeducación e a corresponsabilidade. Fíxonos conscientes de que para educar en igualdade hai que vivir en igualdade, nada educa máis que o exemplo que damos aos nosos fillos e fillas. Debemos corresponsabilizar das tarefas diarias desde a infancia e homoxeneizar en familia os tempos dedicados a elas, porque desde o fogar proxectamos, inconscientemente, numerosas desigualdades que as nosas fillas e fillos despois levan á súa futura vida adulta. Reflexionamos tamén sobre os xoguetes, os xogos, a roupa ou as cores, porque “as pequenas cousas son as que normalizan as condutas”.
Ramón Torrente fixo fincapé na necesidade de rachar co estereotipo da masculinidade hexemónica, de que os homes se corresponsabilicen nos coidados e que teñan liberdade na expresión das emocións.
Todo este percorrido resultou ameno e estimulante polo enfoque do relator, o debate aberto coas persoas participantes e os numerosos vídeos ilustrativos.