Fai dúas semanas, despois de caer os anacos de ladrillo da fachada na entrada do cole e de falar coa directora sobre o tema, concertamos unha cita co alcalde da Guarda, Antonio Lomba e co candidato do PP Roberto Carrero, para informarnos sobre quen tiña que inspeccionar e resolver o problema e de paso, comentar outras necesidades importantes.
Nas dúas reunións falamos do estado xeral da escola e da necesidade de cambiar as ventás, arranxar os baños do piso superior, solucionar o problema dos ladrillos e outras intervencións menores, pero non menos importantes.
O Alcalde díxonos que xa mandara o informe do técnico municipal sobre os ladrillos á xunta para que tomasen as decisións pertinentes. Do resto de requisitos díxonos que era cousa da Xunta.
Na reunión con Roberto Carrero díxonos que ía falar co delegado de Educación César Ares e mostrou interese polo estado da escola, por non estar moi ao día de como se atopa. Ao día seguinte chamounos para dicir que falara con el, que lle expuxera a urxencia de algunhas intervencións necesarias e confirmounos unha reunión no edificio da Xunta de Vigo pasada a Semana Santa.
A reunión tivo lugar o 25 de abril e acudimos 4 representantes da ANPA e a directora Sabela.
A reunión foi bastante produtiva conseguindo o compromiso de arranxar os baños que faltan neste curso e, a partir do ano que ven comezar o cambio das ventás por etapas, comezando polo piso superior.
Sobre a fachada, díxonos que depende do Concello, que ten que facer un informe e, segundo a gravidade da situación encargarase de arranxalo o propio Concello ou Educación.
Falamos tamén de asuntos mais relacionados coa docencia, entre os mais importantes o desdobramento de primeiro para o próximo curso, que creemos que conseguiremos e a necesidade dunha praza non itinerante de A.L., que, polo que dixeron, non é necesaria dadas as necesidades da escola. Actualmente compartimos A.L. coas outras dúas escolas do concello.