A familia e o seu papel na equidade de xénero

Resumo da charla de Jorge García Marín celebrada o xoves 4 de novembro no salón de actos do centro cultural da Guarda, organizada por esta ANPA ao abeiro da citada subvención da Secretaría Xeral de Igualdade.

A pesar das vagas de feminismo, seguimos socializando dentro do estereotipo de xénero aos nosos nenos e nenas, normalizamos condutas diferenciais desde os primeiros anos de vida: cómpre introducir a diverxencia e ofrecer modelos plurais desde moi pequenos.


Tendo en conta que os axentes de socialización que imprimen estes estereotipos nas crianzas son a linguaxe, a familia, a escola e os medios, García Marín centrouse no relativo á familia e ao tempo de lecer, con especial atención aos contos, aos videoxogos e á figura do pai como referente masculino, mais antes quixo reflexionar sobre unha grave carencia que alimenta a reprodución dos estereotipos: a práctica inexistencia dunha educación afectivo-sexual, que debería comezar nas casas e reforzarse na escola. Se non nos convencemos aínda desta necesidade, quizais o fagamos tras coñecer o dato de que os nenos e nenas comezan a consumir pronografía a partir dos 8 anos en España: a educación sexual actualmente está en mans da pornografía. O consumo de pornografía, cinco violacións ao día deunciadas en España, un dos países de maior consumo de prostitución… son datos que revelan a necesidade urxente dunha educación afectivo-sexual. Isto é unha grande eiva do sistema educativo. Con todo, hai pequenas iniciativas moi interesantes, como o proxecto Skolae do gobero de Navarra.

E que podemos facer nós, nais e pais, desde a casa? Seleccionar moi ben as lecturas, os xogos, e traballar a relación co outro, coa outra. Na actualidade, son numerosos os contos de mulleres empoderadas, pensemos no coñecido Artur e Clementina, moi necesarios, mais tamén é moi importante ofrecer novos modelos de masculinidade, con contos como Con tango son tres ou Me llamo Pecas, entre tantos. Ou títulos de sexualidade adaptados a persoas pequenas, como Cuéntamelo todo ou Cosquillas. Sinalou Marín a importancia de traballar o divorcio (pode ser doado desde contos como o citado Artur e Clementina), un final feliz que foxe da toxicidade o amor romántico: eses mitos do amor para toda a vida alimentan a frustración tras o divorcio ou a separación, o que conleva a alimentar a violencia de xénero, pensemos nos numerosos asasinatos en procesos de separación.


Como di Tonucci, “as aprendizaxes máis importantes da vida fanse xogando”. Os videoxogos adoitan reproducir a masculinidade hexemónica, tóxica. Os nenos adoitan xogar desde idades temperás, e pais e nais adoito non saben a que xogan fillos e fillas (Fortnite, GTA; Color beauty, FIFA…), ¿cantos pais e nais saben que, por exemplo, o videoxogo GTA consiste en matar prostitutas? Existen videoxogos alternativos, sen violencia, que non educan na “pedagoxía da crueldade” na que está instalada a infancia e a mocidade, en palabras de Laura Rita Segato.


Outro asunto no que se centrou García Marín foi nas novas masculinidades, partindo do home como referente, especialmente na figura do pai. Temos prexuízos por falta de normalización do coidado por parte dos homes, nos coidados estamos desatendendo traballar para superar os estereotipos, estamos desatendendo o exemplo que transmite o pai a fillos e fillas: o habitual é que sexan as nais quen acoden a pediatría, ás reunións do colexio… e os pais con frecuencia se ocupan de coidados máis lúdicos como poden ser os baños ou ler o conto pola noite. Cómpre revisar o exemplo que estamos a dar na casa.

Jorge García